Redondela

Para os que teñan interese polas culturas do pasado que se asentaron en Galicia e desexe saber máis delas, pode vir a este termo municipal. Aquí atopará vestixios da época megalítica (a necrópole de Chan das Formigas, as mámoas do Coturro e dos Lagos en Vilar de Infesta); da Idade do Bronce (machadas, petróglifos...); da cultura castrexa (no Couto do Castro e no Castro da Peneda); e da romanización (vilas e miliarios, entre os que sobresae o chamado “Marco” de Vilar de Infesta).

En Redondela, a ruta de peregrinación arrinca á altura do Convento de Vilavella, e discorre pola rúa Padre Crespo, Praza de Ribadavia (máis coñecida como “A Farola”), e rúa de Isidoro Queimaliños antes de chegar á igrexa de Santiago, cuxa orixe remóntase a tempos de Xelmírez, aínda que se reedificou no século XVI, con nave única cuberta con bóvedas de crucería e cabeceira poligonal que sostén unha fermosa cuberta estrelada.

Tamén destacan a capela de Santa Mariña, coñecida tamén co nome de Capela das Angustias, cunha fermosa fachada barroca; a ermida da Nosa Señora do Viso, emprazada nun lugar de gran valor paisaxístico; a igrexa románica de San Fausto de Chapela, con planta de cruz latina; ou a igrexa de Santo André de Cedeira, erixida no século XVIII.

Dentro das construcións civís, o abraiante viaduto da liña ferroviaria Vigo – Ourense – Madrid, é unha das construcións de maior importancia para o concello. Da Idade Media, e como lembranza das familias que aquí residiron, en Redondela consérvanse varios pazos coma o da “Casa da Torre” dos Prego de Montaos (edificio histórico do século XVI que hoxe se emprega como albergue de peregrinos); o “Pazo de Petán”, o “Pazo do Pousadouro”, a “Casa Grande” en Reboreda e o “Pazo da Torre” en Cedeira.


www.turismoredondela.es