Arquitectura tradicional / Etnografía
Este sendeiro localízase no enclave coñecido como «Parque da Natureza do Río Barosa», parada fundamental do Camiño Portugués cara a Compostela ao seu paso polo termo municipal de Barro.
Este parque posúe unha excepcional topografía pola que discorre o río Barosa en forma de cadoiro creando a Fervenza da Barosa, que alcanza trinta metros de desnivel. Xunta esta fervenza construíronse dezasete muíños, que se dividen entre os Muíños de Abaixo e Muíños de Arriba e que forman un complexo hidráulico de grande interese
O primeiro tramo do sendeiro discorre entre os Muíños de Abaixo ata a ponte de San Breixo, onde se pode abandonar a ruta principal e visitar a igrexa do mesmo nome do S. XVII, dende a que se obtén unha boa panorámica do val.
Seguindo o PR-G 105, atopamos máis muíños, algúns en bo estado de conservación.
No segundo tramo hai unha área recreativa cunha taberna típica dende onde parte un sendeiro circular que cruza a ponte da Búa e retorna pola marxe dereita do río ata a ponte de San Breixo, onde está marcado o final da ruta.
Dende aquí pódese facer en sentido contrario o primeiro tramo da ruta e volver á zona de estacionamento do parque.
Acceso: N-550 entre Pontevedra e Caldas de Reis, na altura do municipio de Barro, habemos atopar a placa que sinaliza a entrada ao Parque da Natureza do Río Barosa.
Camiños de Santiago
Camiño Portugués pola Costa | Camiño Portugués
Fonte: Turismo.gal